4 octubre, 2016
Falamos con Pilar Vaz Rodríguez, directora comercial de Coplant, para que nos conte como se prepara a presenza en Iberflora.
Que espazo ocupades na feira? Estamos na zona de Galicia, cun espazo de 60 m2. No Pavillón 3, D-10.
Tedes moita planta no stand? Bastante. Cada vez os stands son máis minimalistas pero non é o noso caso. Temos moita planta porque nos visitan clientes habituais que aproveitan para mirar as plantas en vivo. Os nosos comerciais de toda España fan a labor de ensinar planta aos seus clientes, é un mostrario.
stand de Coplant en Iberflora
Cales son os criterios para escoller que plantas están no stand? Se hai unha novidade, que sempre hai, traémola. A planta para a temporada de outono está tamén. E logo os nosos produtos insignia: bambú, camelia, trepadoras, a colección de coníferas.
Que novidades ides presentar? Temos tres primicias importantes: a Camellia sinensis, que é a camelia do té; Fruit Me®, que é unha colección de froiteiras de terraza e as gramíneas ornamentais. Ademais de ampliar a gama en moitas variedades como a magnolia caduca, ou novos formatos: tres copas e outros.
Camellia sinensis, a camelia do té
gramíneas ornamentales colorful grasses
Fruit me, froiteiras de terraza
Ademais de planta, como arroupades o espazo? Temos unha pantalla con imaxes das nosas producións, os viveiros, as instalacións de Coplant… É unha maneira de ensinar a capacidade de produción que temos e a homoxeneidade da oferta. Porque no stand podemos ter un Rhododendron espectacular pero queremos dicir que temos a capacidade para vender miles de Rhododendron espectaculares.
Segue sendo Iberflora a principal feira de España? Si, e para nós a única, ademais da nosa Mostra, claro.
Iberflora está en auxe? Houbo uns anos de decadencia pero agora está en remontada. Creo que foi clave na súa recuperación a gran labor comercial da dirección da feira. Fomentan a visita do cliente estranxeiro, de centros de xardinería, mesmo con aloxamento e viaxe pagos. Eu creo que non creceu tanto en número de expositores como en número de visitantes. As últimas edicións de Iberflora para nós foron moi boas.
Que queredes transmitir no voso stand? Basicamente queremos que o noso cliente vexa a nova produción e planifique o vindeiro ano valorando a potencialidade da nosa empresa.
Iberflora marca o inicio da temporada de feiras? Para Coplant a campaña comeza en setembro. A temporada de outono é moi importante para nós porque temos moita planta de outono. Por iso Iberflora nos permite ensinar unha gran oferta. As feiras de inicio de ano, xaneiro e febreiro, en Francia e Alemania están máis orientadas á campaña de primavera.
Que lugar ocupa a Mostra Cultivos Baixo Miño no calendario anual? Cada vez é máis difícil que os clientes viaxen. A nosa Mostra aínda non é moi coñecida, temos que darlle máis publicidade, pero mesmo nós, as empresas debemos tela máis presente. En Coplant temos clientes que non a coñecen. Tratamos de facer coincidir a visita dalgúns clientes coa celebración da Mostra, así ofrecemos unha visión máis completa.
Dende o teu traballo como valoras a situación do sector no Baixo Miño en relación con outras zonas? En Galicia hai unha evolución positiva da nosa comarca en relación á zona do norte, onde se reduciron parcelas e produción. Na nosa zona pasou todo o contrario, hai cada ano máis produción e os viveiros melloran na súa oferta moi rapidamente.
É recoñecido o Baixo Miño como zona de cultivos? Dentro de España e dentro de Europa cada vez é máis coñecido o sur de Galicia como terra de cultivo de planta ácida. O noso microclima coñécese por aí fóra, e a mellora constante nos procesos produtivos está sendo valorada.
Que opinión che merece o recente selo de Galicia Calidade para a planta ornamental? Paréceme moi positivo. O primeiro paso está dado, agora hai que polo en marcha.